Culturgal
Diversos estudios elaborados sobre as Industrias Culturais en Galicia indican que as empresas do sector representan, en xeral, entre o 1,8 e o 2% do PIB galego. Segundo recolle un recente informe elaborado pola Agadic, nas industrias culturais e creativas conflúen 3.814 empresas que dan traballo a 17.500 persoas e que no 2009 facturaron conxuntamente 1.134 millóns de euros. É esta industria, a través das súas asociacións sectoriais máis representativas, quen desde 2010 se responsabiliza directamente de Culturgal, garantindo así a continuidade do proxecto e o asentamento dunhas liñas de traballo sólidas. Os seus membros asumen a organización do evento para darlle viabilidade ao proxecto, cunha folla de ruta trazada activamente polo sector e co obxectivo prioritario de visibilizar a oferta cultural do país.