No firmamento da pintura galega do noso tempo, a obra de José Vázquez Cereijo loce cun resplandor especial de estrela á parte e solitaria. Artista dunha poderosa personalidade de pintor, gravador e poeta, é posuidor dun mundo propio e exclusivo, no cal á ininterrompida sucesión dos traballos e os días hai que engadirlle a súa constante e irrefreable paixón pola existencia. A súa brillante traxectoria é a do eterno buscador dunha beleza terrible e moderna, inalcanzable e fatídica. Vázquez Cereijo, que na súa adolescencia en Lugo estivo tentado polo ballet e as artes escénicas e máis tarde, en Madrid, polo estudo da Arquitectura, acabou realizando unha obra pictórica na que os soños nocturnos e as volicións diúrnas mesturadas se plasman en composicións que expresan a forza corporal e mental dun home que, para vencer a súa angustia existencial, quere dominar plasticamente o eterno xiro do catavento da fantasía humana. O punto de partida da pintura de Vázquez Cereijo, na década dos anos setenta da pasada centuria, baséase na vehemencia e desmesura das imaxes. Ao igual que o “Orlando furioso” de Ariosto, o seu estro é arrebatado e violento, de barroca intensidade. Desexoso de chegar ao fondo da vida e da arte que encerra unha composición pictórica, na súa obsesiva preocupación pola sexualidade e a animalidade dos seres viventes, realiza unha serie de grandes cadros que o tudense, José de Castro Arines, emparentaba cos enormes lenzos surrealistas de Wifredo Lam e de Roberto Matta. As imaxes de bestas feroces e de vexetais espiñosos, de formas afiadass e ferintes pintadas por Vázquez Cereijo, constitúen a marfallada dunha fauna e flora monstruosas. Á distorsión e descomposición das formas engádeselles o cromatismo e tonalidades escuras e violentas da totalidade. A intensidade expresiva e emocional da súa obra primeira é a mostra máis evidente dun tumultuoso temperamento cuxa visión do mundo non pode ser máis catastrófica. Sen dúbida ningunha traduce as inquietudes soterradas da maioría de todos aqueles que daquela soportaban a lousa que esmagaba a alma de moitos españois.
Envíanos o teu evento